ordenación do territorio

Ordenación do territorio

Avanzan que o borrador da nova lei de ordenación do territorio estará rematado no primeiro trimestre do ano

A Xunta levará a cabo dous proxectos pilotos para potenciar unha zona rural de valor paisaxístico e outro para recuperar e mellorar unha urbana paisaxisticamente degradada

23-01-2018

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, avanzou esta mañá que o borrador da nova Lei de ordenación do territorio estará listo no primeiro trimestre do ano, o que permitirá iniciar a tramitación desta Lei.

Mato Otero compareceu esta mañá no Pleno do Parlamento para informar das principais liñas do seu departamento en materia de paisaxe e ordenación do territorio, onde recordou que a nova Lei de ordenación do territorio suporá outro alicerce sobre o que se asenta a planificación territorial do país, por canto rexe a aprobación dos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, os plans territoriais integrados, e os plans de ordenación do medio físico.

A conselleira defendeu que o desenvolvemento urbanístico dese ser sempre ordenado, respectuoso e sostible, ao tempo que as vilas teñen a oportunidade de crecer e desenvolverse. Non obstante, este crecemento debe ser dende o respecto á paisaxe, ás necesidades e ás características propias de cada rexión.

Sinalou que se o ano 2011, coa posta en marcha da Estratexia da Paisaxe Galega, e o 2014, coa elaboración do Atlas das Paisaxes de Galicia no que se integran o Catálogo da Paisaxe e as Directrices, foron datas sinaladas para a protección e posta en valor da paisaxe. Así os vindeiros anos tamén serán importantes coa materialización da planificación da Estratexia da Paisaxe galega ata 2020, no que destaca o reto de mellorar a gobernanza da paisaxe, co desenvolvemento do regulamento da Lei 7/2008, de Protección da Paisaxe de Galicia e a aplicación dos plans de acción da paisaxe.

Tamén destacou outra iniciativa a nivel normativo, as Directrices de Paisaxe, que xa foi aprobada polo Consello da Xunta e que en breve se procederá á exposición pública, co fin de que poidan ser aprobadas antes de rematar este ano.

Outras das medidas concretas na que se traballarán serán dous proxectos piloto, un dos cales se corresponderá cunha zona rural de valor paisaxístico, pero que se poida potenciar e mellorar, para o que se busca un ámbito no que concorran grandes valores culturais e naturais; e outro a unha zona urbana paisaxisticamente degradada por diferentes causas. Asemade, proseguirase coa potenciación dos lugares de especial interese paisaxístico, coa posta en valor de miradoiros de interese turístico e a creación da Rede de itinerarios de interese paisaxístico, cuxo borrador se presentará nos vindeiros meses.

 

O territorio de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio aclarou que Galicia está nun camiño sen retorno, pero polo bo camiño, o do compromiso de avanzar co propósito de garantir un territorio ordenado capaz de tratar o futuro con criterios e garantías.

Un reto no que, ademais da futura Lei de ordenación, tamén se contará con novos instrumentos como o Plan Básico Autonómico e os Plans Básicos Municipais, para dar resposta a tres obxectivos fundamentais: ningún concello sen plan xeral, desenvolvemento ordenado e sostible do medio rural e a protección da paisaxe.

Recordou que o Plan Básico será aprobado este mesmo ano e beneficiará a todos os concellos de Galicia, especialmente para os preto de 50 municipios que aínda se rexen por normas provinciais de 1991, e para aos 170 concellos que o fan por normas subsidiarias municipais ou por plans que non están adaptados á Lei do solo. Coa aprobación deste plan contarase co máis completo diagnóstico da situación territorial de Galicia, cunha foto precisa do urbanismo da Comunidade de 2018; realizado por capas, que facilitará a consulta específica; e dispoñible en formato dixital, o que permite a súa constante actualización.

A esta iniciativa súmase a figura dos Plans Básicos Municipais, destinada aos municipios de menos de 5.000 habitantes que non teñen planeamento xeral, e que contan con menos recursos económicos e de persoal. A previsión é que a finais do ano 2019 se teñan aprobados os primeiros plans, que favorecerán a actividade económica dos pequenos concellos.

A conselleira concluíu que as paisaxes forman parte do que somos, do presente, pero tamén é moi importante que formen parte do futuro; para o cal é imprescindible protexelas, conservalas e darlles a importancia que se merecen. Un traballo que é unha responsabilidade de todos, non só das administracións públicas, ao que engadiu que no exercicio da responsabilidade que ostenta a Administración galega, a Xunta leva nove anos creando un novo modelo de urbanismo, de ordenación e de protección da paisaxe.