xures

O Xurés

O Xurés, terra de termas e romanos

Este espazo natural, conformado por un conxunto de serras situadas na parte suroccidental da provincia de Ourense, foi declarado Parque Natural o 11 de febreiro de 1993. O parque Baixa Limia-Xurés, que está enmarcado nos concellos de Lobios, Entrimo e Muíños, forma fronteira natural con Portugal e co Parque Nacional luso Peneda Gerês, co que constitúe unha unidade ecolóxica e xeomorfolóxica.

 

Este espazo natural ourensán articúlase en torno ó río Limia e ós seus afluentes, como o Salas e o Caldo, así como numerosos regatos e corgos que constitúen fermosas fervenzas e pozas en diversos puntos do parque, como as da Corga da Fecha. En torno ó principal curso fluvial que flanquea o Xurés existe unha lenda, segundo a cal cando as lexións romanas de Décimo Junio Bruto chegaron á zona do Río Limia pensaron que estaban ante o Lethes, no que perdían a memoria os mortais que o atravesaban. Para romper nas súas tropas o temor a esta lenda, Décimo Junio atravesou o curso do Limia e foi chamando dende o outro lado a cada un dos seus xenerais polo seu nome. Dende entón, este río galego- potugués coñécese como “o río de esquencemento”.

 

No Val de Limia atópase tamén a Lagoa de Antela, un dos espazos naturais máis importantes de Europa polo gran número de especies de fauna e de flora que habitaban no seu ecosistema ata que no ano 1956 un decreto de Franco materializou os intentos anteriores de desecala. Dende hai varios anos, a Unesco, a Deputación de Ourense e os Concellos ós que pertencía están a desenvolver un programa de recuperación da lagoa.

 

De volta á serra, os carballos, os érbedos, os acibros e os abeduis son as árbores máis comúns nesta paraxe natural galega, todos eles de folla caduca, que son os máis extendidos polas zonas de monte do Xurés e a Baixa Limia. Existen ademais varios endemismos vexetais, como por exemplo o Prunas Iustanica, unha especie que coloniza os barrancos e outras áreas de gran humidade.

 

En canto á fauna, esta é moi variada, con gran cantidade de especies de mamíferos, anfibios e aves. O xabarín, o corzo, a lebre e o coello, ademais do lobo, as xinetas e os gatos monteses, comparten espazo con salamandras, lagartixas, culebras e diferentes tipos de aves como o alcotán, o azor, o gavilán, a águia culebreira ou o cuco. O Parque Natural conta tamén cun programa de recuperación do cabalo autóctono chamado Poni galego ou Garrano, que vive en réxime de semiliberdade nas partes altas do mesmo. O Xurés tamén foi o escenario elexido pola Xunta hai máis dunha década para desenvolver un programa que permitiu reintroducir e recuperar unha especie case desaparecida en Galicia como é a cabra montés.

Ver: o Centro de Interpretación, ubicado na sede do Parque Natural, no concello de Lobios, é unha boa opción para coñecer o Xurés antes de adentrarse nel. Os vestixios da presenza romana na provincia de Ourense aínda están presentes na zona da Baixa Limia, por onde transcorren treitos da Vía XVIII ou Vía Nova que enlazaba as cidades augustinianas de Braga e Astorga. Tamén se conservan fitos viarios que aínda hoxe se poden tocar na área dos Miliarios, a nove quilómetros de Lobios, na subida que conduce á Portela do Home.

Ademais, é moi recomendable visitar as dúas fontes termais (Mansios) relacionadas con esta vía. A primeira delas, a Mansio Aquis Origini está situada en Lobios e a segunda sitúase no concello veciño de Bande, onde se pode visitar ademais o xacemento romano Aquis Querquennis, que inclúe un antigo campamento militar así como a “mansio” viaria. O Centro de Interpretación Aquae Querquennae, tamén en Bande, é un moderno punto de información que nos permitirá coñecer a antiga vía romana dun xeito didáctico ó tempo que divertido.

Chegar: para chegar ata o Xurés pódese tomar a estrada N-540 dende Ourense ou ben acceder a través da N-525 ou a A-52, ben pasando por Xinzo de Limia e continuando por Mugueimes, ou ben por Calvos e Maus de Salas ata chegar ó parque natural.

Comer: a carne, principalmente de vaca, é un dos productos típicos da zona que se convirte en protagonista principal dalgún dos pratos estrela da comarca, como os callos limiaos, ós que se lle adica unha festa propia no concello de Lobios. O mel e o queixo do Xurés son outros dos alimentos representativos desta zona xunto con doces como as filloas ou as torradas.

Aloxamento: sen dúbida algunha, os hoteis vinculados ás augas termais, como o de Lobios ou Laias, son unha opción máis que recomendable onde se mesturan o máis pracenterio descanso co disfrute da natureza.

Créditos:
Texto: Redacción Fotografía Cabeceira: Fuente: Wikimedia Commons, Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga)