Monte Aloia

O Monte Aloia

O Monte Aloia, reserva natural para os anfibios galegos

O Monte Aloia, situado na parte sudoeste da provincia de Pontevedra, na comarca do Baixo Miño, forma parte da Serra do Galiñeiro e enmárcase na súa totalidade no concello de Tui, fronteirizo con Portugal. Foi declarado no ano 1978 Parque Natural, convertíndose no primeiro de Galicia, e conta ademais con outras figuras de protección como a de Lugar de Importancia comunitaria (LIC) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. Na última vaga de lumes que asediou Galicia o pasado mes de outubro, os lumes arrasaron boa parte da Serra do Galiñeiro e cercaron o Monte Aloia, que finalmente logrou salvarse de ser pasto das chamas.

Trátase dunha área de media montaña que destaca polo accidentado do terreo. A altitude do Monte Aloia, que varía entre os 80 e os 629 metros sobre o nivel  do mar alcanzando a súa máxima altura no alto de San Xián, ofrece unhas maravillosas vistas sobre os ríos Miño e Louro e as terras que conforman os vales regados por estes dous cursos fluviais.

A flora deste Parque Natural está dominada polas plantacións forestais, principalmente de árbores como os carballos, os acrivos, os castiñeiros, os abruñeiros ou as sobreirais, xunto con outras especies máis abondosas nas ribeiras dos ríos como os salgueiros, os ameneiros ou os sanguiños. Nas zonas de matogueiras o toxo portugués ou a xenciana son algúns dos exemplares vexetais dominantes.

En canto á fauna, o Monte Aloia presenta unha enorme riqueza e variedade de especies entre as que cabe destacar a presenza de mamíferos como o raposo, a xeneta ou o esquío, de peixes como a vermella e de aves como o ferreiriño cristado, o peto finxílido e o gaio, así como tordos, ubalos ou o azor. Outras especies como o miñato abelleiro, o merlo azul ou o cruzabico teñen unha menor presenza na zona. Pero sen dúbida, son os anfibios os que acadan unha especial relevancia neste Parque Natural pontevedrés, onde se poden observar 11 das 14 especies coñecidas en Galicia. Entre os que teñen un maior protagonismo destacan a píntega ou o tritón, así como algúns endemismos ibéricos noroccidentais ameazados como a píntega rabilonga e a ra patilonga. O lagarto das silveiras, a víbora de Seoane ou a lagarta galega son outras das especies presentes neste espazo natural.

 

Ver: a nosa recomendación pasa por achegarse ata o Centro de Interpretación da Natureza ‘Casa Forestal Enxeñeiro Areses’, no que existe unha exposición permanente e no que os visitantes poderán obter toda a información necesaria sobre o Parque Natural. As diferentes rotas de sendeirismo existentes no Monte Aloia son outra das opcións máis interesantes para coñecer os lugares con máis encanto deste espazo natural como os muíños de Paredes ou do Tripes, a ermida de San Xián, os diferentes miradores que permiten obter fermosas vistas ou o Castro do Alto dos Cubos, unha citania da cal se conserva o muro de 1.250 metros de lonxitude feito de grandes pedras sen argamasa e que recibe o nome de muralla ciclópea. O casco histórico de Tui é outro dos lugares que non deben deixar de coñecer se teñen oportunidade, así como o castro de Santa Tegra, no concello de A Guarda, na mesma comarca do Baixo Miño e a uns 25 quilómetros de Tui, unha das mellores representacións da cultura castrexa que se conserva en Galicia.

Chegar: pola autovía A-55 ou a estrada N-550, aproximadamente a 1 quilómetro de Tui, desviarse pasando pola aldea de Frinxo ata o Parque Natural. Tamén se pode chegar dende a estrada PO-340 (Tui- Gondomar) e pola estrada local Gondomar-Prado-Tui.

Comer: os productos derivados do río Miño son os maiores representantes da gastronomía destas terras pontevedras. A angula, á que se lle adica unha festa propia no concello de Tui durante a Pascua é o produto estrela dos restaurantes da localidade. As carnes tamén teñen o seu protagonismo na gastronomía do Baixo Miño xunto cos doces, entre os que cabe destacar o afamado roscón de xema.

Aloxamento: no concello de Tui existen varias casas rurais, así como o hotel balneario da vila, que ofrecen aloxamento de calidade á vez que unha opción de descanso e relax preto dun dos espazos naturais máis senlleiros de Galicia.

Créditos:
Texto: Redacción Fotografía Cabeceira: Fuente: Galipedia. Autor: Albert Galiza