plasticos

No Día Mundial do Medio Ambiente o obxectivo é reducir os plásticos

O Día Mundial do Medio Ambiente suma esforzos para combater a contaminación polos plásticos

05-06-2018

Cada ano, o mundo usa 500 mil millóns de bolsas de plásticos. Segundo o Programa Medioambiental de Nacións Unidas (UNEP), cada ano chegan ata 12 millons de toneladas de estes residuos ós nosos mares, o que equivale á descarga dun camión do lixo cada minuto, provocando danos moi graves á fauna mariña e intriducíndose na cadea alimenticia a través dos microplásticos. Segundo as previsións, se a situación continúa como ata o de agora, no 2050 haberá máis plásticos que peixes no mar. Ademais, o 50% do plástico que usamos é dun só uso e o 10% de tódolos residuos que xeramos son plásticos. Por todos estes motivos, este ano o Día Mundial do Medio Ambiente centra esforzos en reducir a contaminación por plásticos.

“A mensaxe deste Día Mundial do Medio Ambiente é sinxela: rexeitar o plástico descartable. Se non podes reusalo, rexéitao. Xuntos podemos trazar o camiño cara un planeta máis limpo e verde”, explica António Guterres, Secretario Xeral da ONU. Na última década produciuse máis plástico ca que en todo o século pasado, un ritmo inasumible para o medio ambiente, que se ve desbordado de plásticos.

O propósito chega nun momento no que España acaba afronta pequenas medidas que pretenden incidir nesa reducción como que a partir do próximo 1 de xullo os comercios deixen de dar bolsas de plástico gratis. Unha medida que fixo que algunhas cadenas como Lidl optasen directamente por deixar de proporcionar bolsas de plástico para a compra, nin gratis nin pagando, optando por outras alternativas máis respectuosas co medio.

En Galicia, de tódolos plásticos que se poñen no mercado, nin sequera un 15% chega a ser reciclado, isto significa que acaban en vertedoiros, incineradoras e o que é peor, nos nosos montes, ríos e mares, despilfarrando así toneladas de recursos naturais precisos para fabricar elementos cunha vida útil de non máis de 10 minutos e con fácil sustitución”, tal e como apuntan dende o colectivo Amigos da Terra, que esta semana leva a cabo diferentes propostas de concienciación en Galicia co gaio da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente e o Día dos Oceanos. A asociación está volcada na campaña #Desnudalafruta, que insiste de novo no uso abusivo que se está facendo do plástico, empregado en dotar de envases innecesarios á froita que xa goza de cáscara ou monda que a protexe. Un despilfarro de plástico que deixa estampas singulares tan habituais xa como plátanos empaquetados en bandexas de poliespan e film ou froitas como a laranxa peladas e envoltas en plástico “xa listas para consumir”.

 Peticións medioambientais

Esta celebración do Día Mundia do Medio Ambiente, que xurdiu con intención de fixar a mirada cada ano sobre algunha das amenzas que afectan ó planeta, coincide este ano en España cun momento de transición política, co novo cambio de goberno, que fai retomar diversas propostas para a protección do medio ambiente. Ó longo destes primeiros días de Pedro Sánchez á fronte do executivo xurdiron xa peticións para que se afronten retos medioambientais cada vez máis urxentes como a aprobación da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética. Unhas reclamacións que transmitiu onte a Fundación Renovables e que inciden en que a situación enerxética do país é insostible. Nos últimos anos España non só perdeu o liderazo que mantivo ata o 2010 en materia de desenvolvemento de enerxías renovables senon que agora se sitúa á cola dos países europeos que encabezan a loita contra o Cambio Climático. A Fundación xa elaborou unha batería de medidas de urxente aplicación para lograr unha transición enerxética sostible.

Nestes momentos, as reclamacións dos ecoloxistas céntranse en pedir a Pedro Sánchez que aproveite para favorecer unhas medidas verdes eficaces e reais. Así o puxo de manifesto, por exemplo, a formación verde EQUO que recordou que España é un dos países máis amenazados por cuestións medioambientais e a súa situación de vulnerabilidade pola redución de medidas de protección do entorno. A formación política, que considera que a o medio ambiente debe ser algo transversal a tódalas políticas e decisións, presentou un documento con  “10 propostas ecoloxistas para frear a crise medioambiental” que propón unha decena de iniciativas urxentes como a Lei de Cambio Climático, aumentar a biodiversidade, mellorar a política de xestión de residuos ou eliminar definitivamente o emprego dos plásticos dun so uso.

Os primeiros pasos do executivo en materia medioambiental, coa creación dun Ministerio para o cambio climático, medio ambiente e enerxía, á fronte do cal se situará Teresa Ribera, foi ben acollido por diferentes colectivos ecoloxistas como Greenpeace que agardan un compromiso real co maior problema ambiental que enfrenta o planeta. Para Greenpeace a derogación do Imposto ó Sol e o apoio a un maior obxectivo de renovables nas negociacións europeas do próximo luns en Bruxelas deberían ser as primeiras medidas do novo ministerio que debería asumir tamén as políticas necesarias en España en Europa para liderar a transición enerxética.

Reivindicación a través da fotografía

Pola súa banda, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) gosta de conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente coa inauguración dunha nova exposición, ‘Antropoceno: Arte e Biodiversidade en Escenarios Periurbanos’, que recolle a obra do fotógrafo murciano Eduardo Cortils. A mostra, que permanecerá na súa sede de Oleiros (A Coruña) ata o 30 de xullo, recolle un total de 30 fotografías realizadas en espazos periurbanos, non necesariamente protexidos, onde a biodiversidade convive de maneira case extraordinaria con moitas actividades humanas. Depuradoras, balsas de regadío, fincas agrícolas, edificios abandonados, centros comerciais, polígonos industriais, pontes de autovía, campos de golf ou humedais artificiais, entre outros, son os escenarios escollidos por Cortils para fotografar a diferentes especies de aves, principalmente, pero tamén de algúns mamíferos, réptiles ou anfibios. Un total de 130 especies inclúe este proxecto artístico, co que o artista pretende mostrar a convivencia da fauna e as persoas, e como os diferentes usos do solo e dos recursos poden ser compatibles coa protección e respecto aos valores naturais.