movilización do mundo rural

Mobilización en Santiago na defensa do mundo rural

Organizacións agrarias, forestais e do mundo da caza e da pesca reivindicarán este domingo en Compostela a defensa do rural

Os diferentes sectores pretenden con este acto un recoñecemento de toda a sociedade galega ó esforzo que supón desenvolver unha actividade no rural e das aportacións que fai o rural ó medio ambiente e á sociedade galega

30-05-2018

Organizacións agrarias, forestais e do mundo da caza e da pesca fan un chamamento á sociedade galega a mobilizarse este domingo 3 de xuño, en Santiago de Compostela, baixo o lema “Creamos vida no rural. Non somos o problema, somos a solución”. A mobilización partirá da Alameda da capital galega ás 11:00 horas, para percorrer diferentes rúas ata chegar á Praza da Quintana, onde se lerá un manifesto conxunto a favor da actividade no rural.

Os organizadores xustifican que “esta mobilización xurde en resposta ó abandono que está a sufrir o mundo rural. Cómpre que a sociedade tome conciencia que se persiste o abandono do rural galego, só é cuestión de tempo unha catástrofe social e medioambiental. As solucións para o rural precisan que sexan a longo prazo e requiren dun cambio cultural que necesita de tempo e perseveranza. Os habitantes do rural, os que invisten nel, non son considerados como merecen. Esquécese en moitas ocasións o papel fundamental que teñen os que son os verdadeiros custodios do noso territorio, os que están a velar polo futuro do 90% del, os que están a salvar a nosa cultura e asegurando un futuro ás novas xeracións”.

Os diferentes sectores que forman parte do medio rural, queren reivindicar o papel que protagonizan para manter un patrimonio en beneficio de todos. Con este acto, pretenden o recoñecemento de toda a sociedade galega ó gran esforzo que supón desenvolver unha actividade no rural. Reclaman que precisan do apoio decidido de toda a sociedade para que os máis novos vexan perspectivas de futuro, para aproveitar a oportunidade que supón a bioeconomía, o coidado do medio ambiente e os novos usos do territorio, trocando así, o abandono por unha fonte de riqueza e orgullo.

“A todas as actividades que aportan economía ó rural, que o coidan para deixar un legado ás próximas xeracións e que colaboran para evitar o abandono do noso maior aceno de identidade, debemos outorgarlles o respecto e apoio que merecen.”

Reivindican que tódalas actividades e sectores que se mobilizan o día 3, “son indispensables no territorio”, non existindo actualmente opcións enfrontadas no rural galego, pois o inimigo común é o abandono, contribuíndo todos os sectores de forma harmoniosa á sostenibilidade económica do rural, á súa riqueza histórica e cultural e á xestión e protección do medio ambiente.

A aportación fundamental ó medio rural

Nesta liña, o mundo da agricultura e a gandería reivindica a súa función de protectores de ecosistemas mediante a conservación dos pastos, pradeiras e terras de cultivos que supoñen máis de 300.000 ha. De cortalumes gratis, que se desaparecen pola falta de actividade, suporían a transformación estrutural do territorio cara unha catástrofe medioambiental.

O sector forestal quere facer valer os seus esforzos pola xestión sostible das masas produtoras de madeira, o impulso decidido á Certificación Forestal, así como o efecto sumidoiro de carbono que supón o monte galego, que é o maior captador de dióxido de carbono do país, contribuíndo de forma decisiva á loita contra o cambio climático. Ademais, necesita dun sector agrario potente como garantía de protección do territorio. Sen agricultura, non se pode desenvolver o sector forestal.

Do mesmo xeito, o sector da caza quere subliñar o seu papel insubstituible como ferramenta de xestión das especies, equilibrando as poboacións de especies cinexéticas, sobre todo as de caza maior, que provocan grandes perdas no agro galego, monimizar os danos en accidentes de circulación, que a día de hoxe, presentan unha media de tres accidentes de tráfico cada dous días, nas estradas galegas.

Control poboacional que axuda a evitar os graves riscos de contaxio á fauna doméstica e salvaxe de letais enfermidades como a tuberculose, a sarna ou a peste porcina africana. Do mesmo xeito, dende os colectivos de pescadores queren destacar o seu papel como conservadores do ecosistema dos ríos, e o achegamento á natureza que supón esta actividade, especialmente para a xente máis nova.

O sector agrogandeiro e a cadea de valor que xera a industria agroalimentaria galega, supoñen na actualidade máis de 75.000 empregos directos e indirectos, o que supón unha aportación agregada ó PIB de Galicia de 4.600 millóns de euros, mentres que o sector forestal aporta 80.000 empregos directos e indirectos e xera unha cadea de valor da madeira que aporta máis de 2.000 millóns de euros ao PIB de Galicia. Por último, os sectores da caza e a pesca aportan todos os anos 130 millóns de euros á economía galega, coas súas 140.000 licencias, colaborando, entre todos, de maneira moi importante, a fomentar e fixar poboación no rural galego.

Con todo isto, as diferentes asociacións e entidades que forman parte do sector agrario, forestal, do mundo da caza e da pesca que forman parte do ecosistema rural e contribúen á súa diversidade funcional, convidan á sociedade galega a participar na marcha, e que se amosen orgullosos das xentes e do traballo que se desenvolve no rural, como guardiáns da nosa cultura,do noso futuro, e do coidado e salvagarda do noso medio ambiente.

Os organizadores esgrimen un decálogo de razóns para participar nesta marcha reivindicativa do rural:

  1. O rural de Galicia merece un futuro e somos nós quen o temos que construír defendendo actividades e servizos de calidade que axuden a fixar poboación para manter un rural vivo e activo
  2. Queremos un rural produtivo e sustentable como garante de respecto ó medioambiente para manter un Patrimonio Natural que sexa motivo de orgullo para todos os galegos
  3. Sen o sector primario, sen o seu traballo diario, sen os seus pastos, cultivos, terras de labor que actúan de cortalumes naturais, non hai protección posible contra as vagas de lumes catastróficas que ameazan todos os veráns a gran parte da superficie forestal de Galicia
  4. Unha xestión forestal sostible crea riqueza e xera emprego, á vez que coida o monte e fixa dióxido de carbono, depurando as augas e loitando contra o cambio climático
  5. Hai que defender un rural produtivo que complemente as rendas das familias que nel habitan, producindo madeira e outras materias primas renovables, claves para a bioeconomía do século XXI
  6. Reivindicamos o noso dereito a cazar e o respecto á Caza como ferramenta de xestión para o aproveitamento sostible das especies que permita controlar as súas poboacións; sobre todo, as especies de caza maior, en busca do equilibrio medioambiental, minimizando os danos aos cultivos, que farían inviable a agricultura e gandeiría en Galicia e contribuíndo á seguridade viaria nas estradas galegas. Ao tempo que a caza actúa como factor limitante da propagación de graves enfermidades para a fauna doméstica
  7. Queremos defender uns montes veciñais multifuncionais que sigan conservando o seu carácter de propiedade comuneira evitando calquera usurpación ou intento de privatización
  8. A Pesca Fluvial xestiona e mellora os ecosistemas piscícolas dos nosos ríos, porque achega os cidadáns á natureza e porque, xunto á Caza, xera actividade económica desestacionalizada no noso rural, especialmente nas áreas máis deprimidas e desfavorecidas
  9. Non nos resignamos a asistir ao declive social, demográfico e cultural do rural galego sen dicirlle á sociedade que somos necesarios para construír un gran futuro conxunto no que queda moito por facer e do que queremos ser parte importante, necesaria e activa
  10. Os habitantes do rural e as actividades que nel se denvolven non son un problema para o medio ambiente galego, senón son a solución aos seus problemas de conservación