Mina de Touro

Mina de Touro

Adega denuncia a presenza de metais tóxicos nas augas dos ríos próximos a antiga mina de Touro 

O colectivo e a Plataforma “Mina Touro-O Pino NON” esixen á Xunta que denegue a autorización para o novo proxecto mineiro e depure as oportunas responsabilidades pola continua contaminación das augas producida durante anos

20-03-2018

O pasado 28 de novembro a Asociación para a Defensa Ecolóxia de Galicia, Adega, iniciou unha recollida de mostras das augas que dende o complexo mineiro escorregan ós ríos Pucheiras e Portarego. Unhas mostras que foron analizadas e que revelan unha importante carga de metais lixiviados.

Cumprindo cos protocolos de recollida, as mostras foron convintemente etiquetadas e remitidas a un laboratorio homologado para realizarlles un panel completo de metais. Os resultados, tando das mostras do regato Pucheiras (1) como as do río Portapego (2) amosan unha importante carga de metais lixiviados.

O rego de Pucheiras, cun pH de 7,67 que se pode considerar normal, mobiliza a maior cantidade de Cu (substancia preferente), 6 veces por riba da media anual que fixan as NCA (Normas de Calidade Ambiental, Real Decreto 817/2015). Ten tamén unha importante cantidade de Zn (tamén substancia preferente) e de Ni (substancia prioritaria), superando o fixado nas NCA.
Polo que atinxe a outros metais, como o Al, Fe e Mn, os valores son tamén moi altos, superando nestes 3 casos as recomendacións da OMS (Guías de calidade da auga) e os criterios sanitarios para a auga de consumo (Real Decreto 140/2003).

As mostras das augas do río Portapego amosan un pH hiperácido, 1000 veces máis que o mínimo recomendado para as augas de consumo. Portan tamén a maior carga de Ni (substancia prioritaria), máis de 7 veces por riba da media anual establecida nas NCA.
Polo que atinxe ao Zn (substancia preferente) a concentración deste metal supera tamén á das augas do Pucheiras, ultrapasando a media anual e achegándose ao pico máximo admisible que fixan as NCA. Porén, as cantidades de Cu son 10 veces menores que no rego de Pucheiras.

Para os outros metais, Al, Mn e especialmente Fe, as concentracións son superiores ó Pucheiras, superando por máis de 10 veces (Al) de 20 veces (Mn) e de 1000 veces (Fe) as recomendacións da OMS así como os criterios sanitarios para a auga de consumo.

Estes metais son bioacumulativos e tenden a concentrarse nos tecidos vivos ao longo de toda a cadea trófica, polo que antes ou despois acabarán provocando alteracións fisiolóxicas e xenéticas (ver o estudo sobre as poboacións de salmón do Ulla). E lembremos que as augas destes regos chegan a través do Ulla, á ría de Arousa, centro dunha grande produción marisqueira…

“Sobran razóns para que medio Ambiente e Industria deneguen o proxecto”

Para Adega, o resultado destas análises confirma o agardado para unha instalación mineira, hoxe inactiva, e que non acometeu os preceitivos labores de restauración. “Como consecuencia e durante anos, millóns de metros cúbicos de augas cargadas de metais tóxicos estiveron escoando dende as instalacións mineiras á bacía do Ulla”.

Dende ADEGA e a Plataforma “Mina Touro-O Pino NON” esixen a Augas de Galiza e á Consellaría de Medio Ambiente que denegue a autorización para o novo proxecto mineiro e depure as oportunas responsabilidades pola continua contaminación das augas producida durante anos.

Para o colectivo ambiental, autorizar de novo a explotación mineria “significaría un inxustificable favoritismo cunha empresa cuxa actividade supón un risco certo para a saúde ambiental e cidadá. Unha administración que vela polos intereses xerais non debería tampouco permitir unha ameaza deste calibre sobre un importante sector económico que dá emprego a milleiros de persoas na ría da Arousa”.

Podes consultar as análises de augas