prácticas de xestión sostible

Medio Ambiente demanda ás empresas apostar por unha produción sostible

Ángeles Vázquez invita ó tecido empresarial a levar a cabo unha estratexia global de sostibilidade

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anima a introducir prácticas de xestión sostible e comprometidas co medio ambiente

26-03-2019

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, proponlle ás empresas empregar envases 100% reciclabes ou reutilizables na súa produción. Ángeles Vázquez visitou a Fábrica de Coca-Cola para coñecer os proxectos de sostibilidade ambiental da planta, onde destacou que deste xeito se facilita a recollida selectiva que permitirán o uso de materiais reciclados para a súa fabricación novamente.

Salientou que as empresas que operan na Comunidade deben introducir xa no seu xeito de producir prácticas de xestión sostible e comprometidas co medio ambiente para mellorar o futuro máis inmediato .

Reiterou a necesidade de que as empresas galegas se impliquen, actúen e activen a súa conciencia ambiental para avanzar no camiño da redución de residuos e, sobre todo, porque son tres instrumentos imprescindibles para loitar contra o cambio climático. Lembrou que este é, sen dúbida, un dos resto ambientais do século XXI, polo que se debe apostar por novas fórmulas baseadas nunha economía baixa en carbono, na cultura da reciclaxe e a eco-innovación ou a xa coñecida economía circular.

Os residuos industriais en Galicia

A conselleira recordou que as industrias da Comunidade galega producen 2,4 toneladas de residuos industriais cada ano. O Goberno galego busca reducir dita cantidade cun novo modelo máis sostible que priorice a prevención e a valorización dos residuos: o Plan de Xestión de Residuos Industriais (PRIGA 2016-2022).

Engadiu que non é a única ferramenta que o Goberno galego porá a disposición da sociedade en xeral, e das industrias en particular, xa que a Xunta vén de impulsar unha nova Lei de Residuos e Solos Contaminados, para a prevención e a reutilización dos residuos e intensificar a loita contra os plásticos, fixando como meta concreta reducir nun 15% os residuos producidos en 2025.

Apuntou que este mesmo ano se aprobará a Estratexia Galega de Economía Circular, que busca fomentar a eficiencia enerxética e a optimización dos recursos, así como a conversión dos residuos en novas materias primas, co fin de prolongar o ciclo vital dos produtos. Ambas iniciativas completanse coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que contará co primeiro Plan Operativo desta Estratexia para o período 2019-2023.

A conselleira de Medio Ambiente indicou que esta loita contra o cambio climático non pode esperar e salientou os esforzos que as entidades están a realizar para producir de xeito sostible e impulsar actuacións de concienciación ambiental e social tal e como fai Coca-Cola, con iniciativas como Mares Circulares, que promove a recollida de residuos nos medio mariño, ou o feito de empregar envases 100% reciclables na súa produción.