lobo mariño

Lobo mariño en Galicia

O último lobo mariño varado nas costas galegas recupérase no centro veterinario da Cemma en Nigrán

‘Guardesiña’ foi atopada o pasado 14 de xaneiro no porto de A Guarda con síntomas de desnutrición, deshidratación e afección respiratoria grave

29-01-2018 

Guardesiña, o último lobo mariño que varou nas costas galegas, xa está fóra de perigo e recupérase favorablemente antes de poder volver ao mar. O exemplar, unha femia de 85 cm de lonxitude e 14 kg de peso, foi localizada o pasado 14 de xaneiro no porto de A Guarda (Pontevedra) con síntomas de desnutrición, deshidratación e afección respiratoria. Por este motivo, decidiuse o seu traslado inmediato á unidade de coidados intensivos que ten instalada a Cemma en Nigrán por se é necesario ingresar nun medio artificial controlado a un ou varios lobos mariños que necesiten rehabilitación.

Tal e como explicaron os veterinarios da Cemma durante a visita, o estado de Guardesiña no momento do ingreso era moi reservado, sendo diagnosticada e tratada polo equipo veterinario dunha afección pulmonar grave e desnutrición. A evolución nos días seguintes foi positiva, mellorando o seu estado xeral ao recuperar a temperatura corporal, diminuír a afección respiratoria e comezar a alimentarse por si mesma.

Nestes momentos, o animal mantén aínda un estado de saúde delicado pero está fóra de perigo. O máis importante agora é que recupere a súa capacidade de alimentarse por si mesmo. Este será o factor determinante á hora de tomar unha decisión sobre o seu retorno ao medio mariño, un proceso para o cal se adoita contar coa colaboración dos barcos arrastreiros para poder achegar a estes animais á súa área de procedencia.

Este tipo de actuacións son posibles grazas ao convenio que desde hai 15 anos subscribe a Consellería de Medio Ambiente coa Cemma. Precisamente, o acordo correspondente ao período 2018-2019 acaba de asinarse e contará cunha dotación económica por parte da Xunta de 80.000€ (40.000€ para cada anualidade).

O obxecto desta liña de colaboración é garantir a asistencia axeitada, a recuperación e o estudo dos réptiles e mamíferos mariños varados no litoral da comunidade autónoma. Para logralo, existe a chamada rede de varamentos de Galicia, baixo a responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e en coordinación coas unidades móbiles da Cemma, que manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para poder ofrecer asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade.

 

Exemplares recollidos e observados en 2018

A tempada de lobos mariños en Galicia adoita prolongarse durante os tres primeiros meses do ano. En 2018 os avistamentos nas costas coincidiron coa chegada dos temporais. Así, o primeiro exemplar foi rexistrado en Malpica, onde baixou ata a praia pero volveu pola súa conta ao mar. Posteriormente foron rexistrados e recollidos tres exemplares máis varados en O Vicedo, Valdoviño e A Guarda, dos cales tan só sobreviviu Guardesiña; e un máis foi observado na costa de Cabo Ortegal.

Cada ano varan nas costas galegas unha media de 280 exemplares de réptiles e mamíferos mariños, moitos dos cales están incluídos no listado de especies en réxime de protección especial e no catálogo español de especies ameazadas. A través do convenio coa Cemma, estes animais poden ser recollidos, nos casos en que sexa necesario, atendidos co tratamento veterinario máis axeitado e finalmente devoltos ao medio mariño unha vez estean preparados para sobrevivir polos seus propios medios.

 

Tartaruga ‘Antares’

En virtude do seu convenio coa consellería, a Cemma tamén intervén ante a eventual chegada a Galicia de tartarugas e outras especies de réptiles que necesiten asistencia. Precisamente, o mes pasado unha embarcación que faenaba cerca da illa Coelleira, no Vicedo, atopou unha tartaruga mariña común (caretta caretta) nun aparello de pesca a 20 metros de profundidade. O exemplar, ao que se lle puxo o nome de Antares, foi recollido con vida e trasladado ao centro de Nigrán da Cemma, onde nunca antes se rexistrara un ingreso dunha tartaruga tan grande.

Tras recibir as primeiras atencións para a súa estabilización e realizarlle diversas probas diagnósticas, constatouse que o animal non sofría máis que consecuencias leves derivadas da súa captura. Tendo en conta as características particulares de Antares (un exemplar de 71 cm e 24 kg) e os requirimentos desta especie, o equipo técnico da Cemma decidiu trasladar a tartaruga a L’Oceanografic en Valencia, onde continuou coa súa recuperación ata que foi trasladada de novo ao medio mariño, o pasado 18 de xaneiro.