patrimonio natural

Incorporan máis de 600 achegas ó anteproxecto da lei de patrimonio natural

O Consello Galego de Medio Ambiente avalía o anteproxecto da lei de patrimonio natural galego para garantir a súa protección

 A futura lei, que substituirá a unha normativa de 2001, aspira a levar a cabo unha protección transversal do patrimonio natural galego introducindo este criterio en todas as políticas sectoriais e fomentando os mecanismos de participación pública

05-11-2018

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu esta mañá a reunión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (COGAMADS), para dar a coñecer e presentar o anteproxecto da Lei de Patrimonio Natural de Galicia, un documento que foi enriquecido na fase de información pública coa incorporación de 637 das alegacións recibidas. Este documento substituirá á Lei de Conservación da Natureza do ano 2001. O obxectivo deste anteproxecto é adaptar a normativa ós tempos e necesidades actuais, tal e como lembrou Ángeles Vázquez.

A conselleira explicou que o obxectivo principal da futura lei será garantir unha protección transversal do patrimonio natural galego. Para iso buscan integrar este obxectivo prioritario nas distintas políticas sectoriais. Tamén pretenden fomentar os mecanismos e instrumentos de participación da sociedade para implicala na súa consecución.

Vazque subliñou a necesidade desa participación pública e institucional en medioambiente ó destacar o traballo do COGAMADS. Así pois, este órgano actúa como foro consultivo ao servizo da consellería que dirixe.

Por esta razón, o anteproxecto da Lei de Patrimonio Natural foi presentado hoxe ante o pleno deste organismo. Este foi un paso máis previo á súa aprobación. Así, despois de que o texto pasara polo Consello da Xunta o ano pasado e tras someterse a un período de información pública cun alto nivel de participación, durante o que se recibiron máis dun milleiro de alegacións, o seguinte paso será remitilo ao Parlamento no primeiro período de sesións do vindeiro ano 2019.