eucaliptos

Greenpeace apoia unha moratoria para novas plantacións de eucalipto en Galicia na primeira revisión do Plan Forestal

O colectivo ecoloxista solicitou á Xunta unha prórroga de novas platacións desta especie invasora en Galicia 

Propón unha medida parella á adoptada en Portugal para evitar o actual descontrol. Buscan mellorar a protección fronte aos incendios forestais e diante da entrada de madeira de orixe en Galicia

05-10-2018

Greenpeace  solicitou unha moratoria de novas plantacións de eucalipto en Galicia. A proposta foi remitida á xunta nas alegacións que o colectivo ecoloxista presentou na primeira revsión do Plan Forestal de Galicia. A proposta busca mellorar a protección dos bosques galegos fronte aos incendios forestais e diante da entrada de madeira de orixe ilegal na comunidade.

A organización ecoloxista súmase deste xeito ás forzas sociais e políticas que cuestionaron os datos de partida deste plan e suscitaron o debate sobre a conveniencia de deter a expansión destas plantacións. A alternativa proposta é semellante á aprobada hai un ano en Portugal e pola que se establece que só se permitirán novas plantacións de eucalipto en áreas onde xa existisen, coa imposición dunha redución gradual da superficie ocupada por esta especie.

“O problema de fondo do Plan Forestal de Galicia é que reflicte a desigual relación de forzas entre o sector industrial que defende a expansión do eucalipto (celulosa e taboleiro) e o resto do sector forestal galego”, sinalou Miguel Ángel Soto, responsable da campaña de Bosques de Greenpeace. “Cando a Xunta propón un incremento de 25.000 hectáreas de Eucalyptus nitens, propón que se manteña o status quo e que non se poñan límites futuros á expansión do cultivo do eucalipto en Galicia, o que xa aconteceu no primeiro período de vixencia do plan”.

Deste xeito, a organización ecoloxista apoia a iniciativa lexislativa popular promovida por varios colectivos galegos que foron quen de recoller máis de 42.000 sinaturas en apoio dun novo modelo forestal onde as plantacións de eucalipto non sigan ampliando o seu dominio do territorio. Esta proposta é coherente coa posición común establecida en 2011 por 20 organizacións ecoloxistas e de conservación de todo o Estado na que reclamaba a fin da conflitividade das plantacións de eucalipto, manifesto que se denominou “Unha visión común sobre o problema das plantacións de eucalipto

“Non haberá tranquilidade no sector forestal galego até que non se aborden os límites físicos do territorio para acoller estas plantacións, os riscos deste modelo de desenvolvemento económico baseado no monocultivo e os impactos ambientais dunha especie invasora que se naturalizou en ambientes fráxiles coma ríos e regatos e que se segue a expandir até en espazos naturais protexidos como as Fragas do Eume”, concluíu Soto.

Veto á madeira ilegal e manchada de sangue

Greenpeace presentou ademais unha alegación para que a Xunta dea prioridade á adaptación da lexislación forestal de Galicia (Lei de Montes de Galicia e Decreto 50/2014 de regulación de aproveitamentos) á normativa europea e estatal que regula as obrigas das empresas que introducen madeira no mercado europeo (Regulamento EUTR, European Timber Regulation). Greenpeace esixe que a Xunta cumpra as súas obrigas legais e evite a entrada de madeira ilegal na Unión Europea mediante controis que verifiquen que o sector importador dispón e aplica sistemas de Dilixencia Debida que minimicen os riscos de introducir no mercado madeira de orixe ilegal.

Para cumprir cun dos obxectivos do plan, como é “a incorporación do monte galego a unha economía verde de futuro”, cómpre rematar coa actual complicidade do sector importador de madeira en Galicia coas cortas ilegais e a degradación dos bosques.

“Mentres o Plan Forestal se refire á economía verde ou a bioeconomía, algunhas empresas dentro da cadea de valor da madeira en Galicia están a mercar madeira procedente de cortas ilegais, a corrupción e a violencia en rexións como a Amazonía, a conca do Congo ou Myanmar”, declarou Soto. “Durante o presente ano 2018 Greenpeace denunciou ante a Autoridade Competente EUTR na Xunta de Galicia a presunta entrada de tres cargamentos de madeira sen as debidas garantías. Cinco anos despois da entrada en vigor do Regulamento europeo EUTR, a Xunta segue perdida neste tema”.

A terceira alegación ten que ver coa vulnerabilidade do medio forestal e urbano galego aos incendios forestais. Por mor disto, Greenpeace solicita unha maior concreción das medidas destinadas a cumprir a normativa que asegura unha correcta planificación en materia de lumes forestais (preventiva, de urxencia e de autoprotección) que protexa os montes e á poboación. En especial, Greenpeace demanda a aplicación da lexislación vixente no que concirne a:

  • Plans preventivos e defensa de distritos e concellos en zonas ZAR como establece a Lei 7/2012 28 xuño de Montes de Galicia.
  • Fomentar a planificación intramunicipal e particular de prevención e defensa como establece a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
  • Apoiar a elaboración de Plans de Autoprotección de Empresas, núcleos de poboación illada, urbanizacións, cámpings, etc, que se atopen situados en zonas de risco tal e como recolle a Directriz Básica de Planificación de Protección Civil de Urxencia por Incendios Forestais (2)