gas radon

Gas radon

Entra en vigor a nova directiva europea que obriga a controlar o gas radon nas viviendas

Este elemento está considerado a segunda causa de cancro de pulmón segundo a OMS e só en Galicia a inhalación deste gas radiactivo causa máis de 300 mortes cada ano

22-02-2018

A comezos deste mes de febreiro entrou en vigor a directiva europea (2013/59/Euratom) que obriga a controlar o gas radon nas vivendas, un elemento que está considerado a segunda causa de cancro de pulmón despois do tabaco, segundo a Organización Mundial da Saúde e que en Galicia ten especial incidencia posto que a inhalación deste gas radiactivo parece ser a causa de máis de 300 mortes cada ano só na nosa comunidade.

Este gas, que se se inhala durante un periodo prolongado de tempo pode resultar canceríxeno, atópase principalmente nos solos de pizarra e granito, e boa parte dos solos sobre os que se asenta o territorio galego está composta por granito o que provoca que a presenza deste gas en Galicia sexa máis elevada. En España, o mapa preditivo de exposición ó gas radon do Consello de Seguridade Nuclear (CSN) divide o territorio en tres categorías de exposición potencial: baixa, media e alta. Así o CSN sinala que Galicia, xunto con algunhas zonas de Madrid, Salamanca, Ávila, Toledo, Cáceres, Sevilla, Córdoba, Jaén, Almería e Gran Canaria serían as zonas de maior exposición.

 

O gas e a súa presenza nas vivendas
Mediante un proceso natural, o uranio presente nesta rocha descomponse e dá lugar ó gas radon, un gas radioactivo que é incoloro, inodoro e insípido. Dende o subsolo, este gas ascende á superficie e acábase diluíndo na atmosfera, sen maior incidencia. Porén, cando este gas se filtra dende o chan dos edificios e se acumula en espazos cerrados se estes non se atopan debidamente protexidos, pode haber un risco grave para a saúde. Este elemento está presente en concentracións perigosas nun 10% dos edificios españois, dacordo ós datos do CSN.

As posibles vías de entrada ós nosos fogares pode ser polo interior da cámara de aire dos muros exteriores; a través da soleira, a peza de madeira que se coloca na parte superior dun muro e sobre a cal se apoia o teito; os muros do sótano, os conductos de saneamento, o forxado sanitario ou a través de fisuras e gretas.

A través do noso sistema respiratorio o radon accede aos pulmóns. Alí descomponse e produce partículas alfa que se fixan ao tecido pulmonar e poden causar mutacións. No peor dos casos, desenvólvense tumores e, finalmente, cancro. Así é como a inhalación deste gas se converteu na segunda causa de morte por cancro de pulmón, só por debaixo do tabaco. Entre os non fumadores, é o principal factor de risco. Estímase que en Galicia morren máis de 300 persoas cada ano por cancros que poden ser atribuídos ó radon.

 

Evitar a incidencia
Esta nova normativa obriga a partir de agora ós gobernos a realizar medicións en lugares de risco e a mitigar a concentración de radon naquelas zonas nas que se rexistre un mínimo de 300 becquerelios por metro cúbico, a unidad utilizada para medir este gas. Porén parece que estes límites son aínda inferiores ós valores desexados, posto que en Estados Unidos o nivel máximo está establecido nos 148 becquerelios e a OMS fixa en 100 a fronteira a partir da cal o radon comenza a ser perigoso para a saúde.

 

O gas en Galicia
En Galicia, 30 das 53 comarcas nas que reside máis da metade da poboación do país están por encima dos 300 bq/m3.  Juan Miguel Barros, investigador da USC, autor do Mapa de Radon de Galicia e un dos maiores expertos sobre o tema, sinalaba nunha entrevista en GCiencia, que apenas se están tomando medidas para evitala incidencia deste gas na poboación: “O mínimo sería incluír no código de edificación a obrigatoriedade de tomar medidas contra o gas nas zonas de alto risco, porque a solución básica é a nivel construtivo”, sinala Barros.

 

Protexer os edificios
Resulta fundamental protexer a edificación para evitar que o radon penetre nas vivendas. Así sistemas como a extracción ou presurización, que consiste na instalación de artefactos de extración de aire dende os cimentos ós muros laterais, poden poñer fin a este problema letal. Tamén os materiais illantes e impermeabilizantes poden actuar como barreira contra o radon. Outras opcións pasan por empregar unha bomba de vacío que extrae as moléculas de gas do espacio selado así como selar as fendas e gretas que poidan atoparse.