planificación contra os lumes

Galicia suspende en planificación contra os lumes

Greenpeace alerta de que Galicia suspende en planificación pese a ser a comunidade que sofre máis lumes forestais

O estudo do colectivo ecoloxista advirte de que a planificación de lumes en Galicia é deficiente en prevención, emerxencia e autoprotección

13-06-2018

Greenpeace presentou o informe “Protexe o bosque, protexe a túa casa”, no que analiza as causas da nova era de lumes de alta intensidade dos últimos anos e denuncia a falta de plans de prevención, emerxencia e autoprotección contra lumes forestais en España, un problema que alcanzou a categoría de emerxencia social.

Entre outras causas, Greenpeace sinala que os montes españois, nos que a miúdo se introducen vivendas, son un auténtico polvorín para os lumes forestais. En apoio ao informe, Greenpeace publica imaxes e vídeos que evidencian de forma dramática esta situación, á que se enfronta a poboación na meirande parte das zonas con alto risco de lume.

No caso de Galicia é especialmente flagrante, xa que xunto a Asturias, Cantabria, País Vasco e as provincias de León e Zamora, sofren o 51,57% do total anual de lumes. Todas elas obteñen, segundo a valoración do informe, unha nota deficiente ou moi deficiente na súa planificación contra o lume. O informe, elaborado por Greenpeace en colaboración con Medi XXI, consultora especializada en enxeñería forestal e xestión de emerxencias, destaca distintos grados na planificación: prevención, emerxencias e autoprotección.

A Xunta de Galicia, malia ser a comunidade con máis lumes forestais (3.249 lumes forestais e 32.623,34 hectáreas queimadas en 2017, segundo datos oficiais), non respondeu ás cartas de petición de información e, polo tanto, non existen datos relativos ao estado da planificación. Tampouco hai constancia de plans de emerxencia a nivel municipal. Cabe destacar, sen embargo, que si se fixeron campañas de autoprotección e que hai numerosa información pública de fácil acceso.

Para o colectivo ecoloxista as queimas son a causa principal de lumes na comunidade. Ademais insisten en que para limitar e previr os lumes intencionados é fundamental unha boa xestión das queimas, sempre controladas e autorizadas, respectar as tempadas de prohibición, ofrecer alternativas ao emprego do lume, así como previr ao máximo adoptando as recomendacións e prohibicións oportunas. Nesta nova era de lumes, é vital emprender campañas de concienciación no medio rural para entender que unha práctica tradicional require dun tratamento distinto nun medio que evolucionou a unha paisaxe altamente inflamable. E que, ademais, as queimas non autorizadas constitúen un delito que, se deriva nun lume, conduce penas de ata 20 anos de prisión.

“É necesario que a área noroeste de España, onde se concentra máis da metade dos lumes do pais, faga un esforzo para adaptarse e mitigar esta nova ola de lumes. En zonas susceptibles de sufrir sismos, inundacións ou secas, prepáranse para elo. Aquí aínda non nos preparamos ante os lumes. É hora de que cambiemos este patrón”, sinalou Mónica Parilla, responsable da campaña de Lumes de Greenpeace.

No conxunto de España, doce comunidades (incluíndo Ceuta) contan cunha planificación considerada deficiente ou moi deficiente.

A lei de Montes, que regula a planificación de lumes a nivel autonómico e municipal, establece a obrigatoriedade das comunidades autónomas de elaborar plans preventivos en zonas de alto risco. Tampouco se cumpre a Directriz básica de protección civil que obriga aos municipios en zonas de risco a contar cun plan de emerxencias. Polo que se incumpre a normativa de forma case xeneralizada.

Mellor xestión forestal e máis autoprotección
Cada vez hai máis episodios de lumes forestais de altísima gravidade con desaloxos masivos, perdas de bens, persoas falecidas e miles de hectáreas queimadas. En 2017, o 63% de lumes producidos quedaron en menos dunha hectárea afectada. Porén, a pesar de representar menos do 0’5% no número total de lumes, 56 grandes lumes forestais (GIF) foron responsables da destrución de case o 55% das hectáreas queimadas.

“O cambio climático e a evolución nos patróns demográficos provocaron que os lumes forestais xa non sexan unha excepción, senón a tendencia coa que a sociedade debe convivir, asumindo o risco e, polo tanto, a responsabilidade de poder mitigalo. Non é unha situación única de España. Países coma Portugal, Chile, Australia, Sudáfrica ou Estados Unidos sufriron grandes lumes nos últimos anos. Trátase dun problema ambiental que afecta á seguridade nacional”, resaltou Mario Rodríguez, director de Greenpeace España.

O informe “Protexe o bosque, protexe a túa casa” destaca que o risco de lumes forestais débese xestionar en dúas direccións: por un lado, é fundamental unha correcta xestión forestal, de forma que se protexan os bosques e ás persoas que os habitan; por outro, é necesario que a cidadanía protexa a súa vivenda, tomando medidas preventivas e de autoprotección.

“Dado que a prioridade de defensa en España pon por diante ás persoas e aos bens por encima do medio ambiente, é moi importante ter protexidas as nosas vivendas de forma que os medios se podan centrar na extinción do lume e non en defender vivendas baleiras, o que revertería en menos hectáreas queimadas de bosque e na seguridade da poboación”, destacou David Caballero, consultor de Medi XXI e un dos maiores expertos internacionais en xestión de emerxencias de lumes forestais.

O modelo actual de xestión de lumes baseado na extinción non resolve o problema. Céntrase nas causas que orixinan o lume, pero non nas que o propagan. Os progresivos cambios demográficos, o abandono rural ou as matogueiras que medran en cultivos abandonados modificaron a paisaxe e, polo tanto, a frecuencia e intensidade dos lumes. Estes factores configuraron unha paisaxe altamente inflamable que sofre as consecuencias do cambio climático (olas de calor, secas…)

Nesta paisaxe inflamable insírese ademais unha planificación urbanística que non ten en conta o risco de lumes forestais, con vivendas no medio de montes e bosques que se consideran “indefendibles”. Actualmente temos unha paisaxe que lonxe de ser bucólica é inflamable. De igual maneira que en zonas con elevado risco sísmico realízase unha planificación de vivendas adaptada ao medio, é o momento de cuestionar a idoneidade de vivendas en zonas onde o risco de lumes é moi elevado para a poboación e para o bosque o de asumir este perigo”, agregou Parrilla.

Tal e como recolle a Directriz Básica de Planificación de Protección Civil de Emerxencia por Lumes Forestais, é obrigatorio que haxa “Plans de Autoprotección de Empresas, núcleos de poboación illada, urbanizacións, campings, etc, que se atopen localizados en zonas de risco. Un dos principais problemas é a ausencia xeneralizada de plans de autoprotección en todo o país. Por elo, Greenpeace destaca a necesidade de que a poboación asuma o risco de lume forestal para poder previlo e mitigalo. Con este fin, a organización elaborou unha Calculadora de Risco fronte a lumes forestais, que permite a cada persoa autoavaliar de forma sinxela o potencial risco da súa vivenda fronte ao lume.

“É fundamental que a poboación demande recursos para que os municipios conten con plans de emerxencia ante lumes e, por suposto, que estes se implementen. E que, ademais, as persoas propietarias dunha vivenda elaboren o seu propio plan de autoprotección. Non facelo revirte non só nos seus bens, senón tamén no bosque e na seguridade dos operativos de extinción e emerxencias que asumen máis riscos dos debidos”, concluíu Parrilla.

Demandas de Greenpeace
Ante unha problemática dos lumes forestais complexa, o colectivo contempla que as solucións apunten en diferentes direccións. “Hai que establecer unha política de prevención desta nova era de lumes forestais, abordando as causas que orixinan os lumes e as que os propagan. Non se pode seguir cun modelo obsoleto. Por outro lado, é fundamental que as administracións cumpran coa normativa e que ademais realicen campañas de sensibilización á poboación (sobre todo en interface urbano-forestal) para crear comunidades adaptadas ao lume”, puntualizan. Neste senso propoñen:

Facer do sector forestal un sector estratéxico dinamizador do medio rural que poña en valor os montes, xestionando mellor a cantidade e continuidade do combustible a través da xestión forestal, a gandería extensiva, o aproveitamento da biomasa e a revalorización dos produtos forestais.

Xestionar máis e mellor as masas forestais, reducindo a cantidade de biomasa, sempre tendo en conta o funcionamento dos ecosistemas e a necesidade de respectar a diversidade estrutural do bosque, a existencia de madeira morta, etc.

  • Desenvolver modelos de silvicultura que teñan en conta a variable do cambio climático.
  • Alternativas ao uso cultural do lume.
  • Combater a sinistralidade, educando á poboación para evitar algunhas das causas dos lumes forestais en España.
  • Maior investigación xudicial, apoio ás fiscalías de Medio Ambiente e outros organismos, eliminación do xuízo por xurado e aplicación da lei para os lumes dolosos. Tratamento adecuado da piromanía.
  • Solicitar a colaboración cidadá para identificar ás persoas responsables.
  • Evitar certos tipos de vivendas no medio rural que supoñen un risco moi alto.
  • Esixir o cumprimento da lei de Montes e a lei de Protección Civil en Lumes Forestais que obriga a plans preventivos, de emerxencia e de autoprotección.

Podes consultar aquí o informe completo.