calidade aire

Galicia activará un plan de mellora da calidade do aire para cumprir os obxectivos da OMS

MeteoGalicia establecerá no 2019 unhas directrices estratéxicas orientadas a reducir a contaminación atmosférica e para acadar as esixencias da Organización Mundial da Saúde

A Consellería de Medio Ambiente tamén disporá unha ordenanza tipo de protección contra a contaminación acústica que unifique os criterios a empregar

30-10-2018

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impulsará o vindeiro ano un Plan de Mellora da Calidade do Aire de Galicia co obxectivo de establecer unhas directrices estratéxicas que contribúan a acadar os obxectivos establecidos pola Organización Mundial da Saúde. Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa primeira visita a MeteoGalicia, organismo responsable da observación e predición meteorolóxica na comunidade e que será o encargado de levar adiante este plan.

Tras subliñar que Galicia é unha comunidade que ten unha calidade do aire moi boa, Ángeles Vázquez asegurou que a Xunta sigue traballando co fin de mellorar e incorporar as mellores ferramentas e avances técnicos dispoñibles. Con este fin, explicou que a consellería impulsará a través de MeteoGalicia un Plan de Mellora da Calidade do Aire no que xa está traballando e que establecerá unhas directrices estratéxicas orientadas a mellorar os índices actuais e acadar o cumprimento dos obxectivos fixados pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Tamén o próximo ano, Ángeles Vázquez anunciou a intención da Consellería de Medio Ambiente de facilitarlle aos concellos unha ordenanza tipo de protección contra a contaminación acústica que unifique os criterios a empregar. Non será, segundo explicou, un documento vinculante pero daralles aos municipios o apoio que necesitan para actuar neste sentido, ao tempo que servirá para completar o marco xurídico establecido polo decreto do ano 2015 sobre contaminación acústica de Galicia.

Meteogalicia comproba a calidade do aire na comunidade a través dunha rede de 48 estacións fixas de medida que transmiten datos en tempo real. Precisamente, esta rede de calidade do aire foi a primeira de España en contar cun sistema de xestión certificado para as súas actividades, unha certificación que acacaba de ser renovada.

18 anos pendentes do tempo en Galicia

Desde a súa posta en marcha no ano 2000, MeteoGalicia tense consolidado como un referente indispensable na comunidade en materia de meteoroloxía e climatoloxía tanto para os cidadáns como a nivel científico. Dende a súa sede central, situada en Santiago de Compostela, contrólase e xestionase toda a rede de observación meteorolóxica de Galicia. Esta rede está composta por 156 estacións de rexistro que permiten obter e medir cada dez minutos parámetros como a temperatura, a humidade ou o vento.

A estas estacións de observación súmanse tamén outras instalacións de gran importancia para o funcionamento de MeteoGalicia como son o radar meteorolóxico de Cuntis, que permite detectar posibles meteoros, entre outros fenómenos; a rede de detección de raios; ou outros sistemas que permiten medir a contaminación lumínica ou a acústica.

Información meteorolóxica

Así mesmo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar dous contratos para mellorar a subministración de información meteorolóxica á poboación a través da páxina web, por un importe total de 48.500 euros. Con estes contratos implantarase unha nova plataforma xeorreferenciada para que a información que se presenta ao cidadán sexa máis vistosa, intuitiva e funcional; e transformaranse os datos actuais dos modelos que diariamente se executan en MeteoGalicia en gráficos espaciais ou series temporais, ao presentar os datos históricos destes modelos en forma de mosaico ou animación.

Precisamente, no eido da sensibilización e concienciación ambiental aos cidadáns, Ángeles Vázquez referiuse tamén ás visitas que todos os anos se organizan en colaboración con colexios e institutos para achegar aos máis pequenos ao mundo da meteoroloxía. A cifra de escolares que visitan a institución segue unha tendencia ascendente e concretamente para este ano 2018 agárdase que máis de 3.100 nenos e mozos poidan coñecer desde dentro o funcionamento de MeteoGalicia.