Illustraciencia

Exposición Illustraciencia

Arte e natureza únense na exposición da quinta edición de ‘Illustraciencia’

Nesta quinta edición presentáronse un total de 449 propostas de ilustradores de máis de 30 países, sendo os máis representados España, Portugal, Colombia e México

15-02-2018

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) acolle desde o pasado 3 de febreiro a exposición da quinta edición do Premio Internacional de Ilustración Científica e Naturalista ‘Illustraciencia’, un certame que ten como obxectivo premiar e divulgar a importancia da ilustración científica.

Aínda que xa pasaron máis de 30.000 anos dende que se crearon as primeiras pinturas rupestres, é evidente que o debuxo e as ilustracións seguen sendo unha ferramenta básica para a divulgación do coñecemento. Por iso, consciente do papel transcendental xogado pola ilustración ó longo da historia, ‘Illustraciencia’ sitúase como unha plataforma internacional para dar visibilidade ós profesionais que contribúen a achegar a ciencia e a natura á sociedade mediante esta disciplina.

Nesta quinta edición presentáronse un total de 449 propostas de ilustradores de máis de 30 países, sendo os máis representados España, Portugal, Colombia e México. Entre as máis de catrocentas propostas recibidas, o xurado profesional seleccionou as corenta obras que forman parte desta mostra itinerante.

Na exposición poden verse reproducións das obras realizadas en varias técnicas agrupadas nos apartados: peixes, crustáceos, flora, fungos, aves, insectos, mamíferos, prehistóricos, réptiles e outros. Magníficos detalles de fauna e flora representados por ilustradores de todo o mundo, onde destaca a obra gañadora da quinta edición, Garoupas do Mediterrâneo (Meros del Mediterráneo) de Pedro Salgado (Portugal) tanto polo seu valor científico como polo seu rigor, técnica e carácter divulgativo. Ademais, outorgáronse tres mencións especiais ás ilustracións Pico de la Urraca, la herramienta más versátil e Rhynchophorus ferrugineus, dos españois Ángel Ramón Moya e Juanjo Ramos, respectivamente, e Salvator Merianae da arxentina Vanesa Gaido. En canto ó premio do público, recaeu en Alzando el vuelo do chileno Camilo Maldonado, e o seu exemplar macho de picaflor cordillerano (Oreotrochilus leucopleurus), unha especie de colibrí caracterizado pola intensa cor verde da plumaxe do seu pescozo.

O premio Illustraciencia está organizado pola Asociación Catalana de Comunicación Científica (ACCC), coa financiación do Ministerio de Economía y Competitividad (MINECO) e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).

A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 28 de marzo na sede do CEIDA, o Castelo de Santa Cruz (Liáns-Oleiros), en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres, e de 11:00 a 14:00 horas os sábados. A entrada é gratuita.

Poderá realizar un percorrido visual ou obter máis información aquí ou no correo: prensa@ceida.org e no teléfono 981 630 618.