xilgaro2

Europa recrimina a Galicia a captura de frinxílidos

Duro dictame da Comisión Europea a Galicia pola captura de frinxílidos

A UE remite un duro dictame contra varias Comunidades Autónomas, entre as que se atopa Galicia, pola captura de frinxílidos e dá dous meses para adoptar medidas

19-06-2018

A Comisión Europea quere acabar coa captura de frínxilidos, unha familia de aves entre os que se atopan o xílgaro, o verderolo, o xirín ou o pimpím. No caso de Galicia o dictame indica que parte da propia resposta da administración contradí o propio argumento de manter as poboacións en catividade, en base ó que se xustificou a excepcionalidade deste tipo de capturas.

Xa en setembro de 2011 a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) tiña denunciado diante da fiscalía de Medio Ambiente as irregularidades destas prácticas consentidas tantos anos pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza (actual Dirección Xeral de Patrimonio Natural) da Xunta de Galicia concedendo permisos a diferentes asociacións de silvestristas.

Non hai dubida algunha para a Comisión Europea: 9 comunidades autónomas (Rexión de Murcia, Comunidade Valenciana, Andalucía, Aragón, Castilla-La Mancha, Extremadura, Galicia, A Rioxa e Madrid) e as dúas cidades autónomas teñen incumprido as obrigas derivadas dos artigos 5 (protección xeral das aves), 8 (captura masiva, uso de redes) e 9 (réxime de excepcións) da Directiva Aves.

As autoridades comunitarias chegan a dita conclusión tras analizar 87 feitos nun dictame de 64 páxinas onde se recollen as sucesivas advertencias e peticións de información que se teñen realizado dende Bruxelas as diferentes Comunidades Autónomas e que non conseguiran paralizar, como pedían diferentes organizacións conservacionistas dende hai moitos anos, a captura de aves silvestres para mantelas en catividade.

No caso concreto de Galicia, o dictame da Comisión recolle que si ben a captura de frinxílidos estaba destinada supostamente a manter a cría en catividade. A Administración competente non ten dado ningunha explicación fundada que xustifique que a poboación cativa existente fora insuficiente para manter ditas poboacións. Así mesmo, entrando en contradicións na súa propia resposta, a administración galega, informa da norma de soltar exemplares capturados que non se consideran aptos para o canto, e que non se destinan a manter esa poboación en catividade.

En setembro de 2011, a SGO xa tiña presentado ante a Fiscalía de Medio Ambiente unha denuncia contra a Dirección Xeral de Conservación da Xunta de Galicia, por estes feitos, ante a concesión de permisos de forma reiterada para a captura de frinxílidos por parte de diferentes asociacións de silvestristas, amparándose arbitrariamente nunhas excepcións da Directiva de Aves a fin de xustificar ditas prácticas, o que agora a Comisión Europa co actual Dictame ven considerar unha xustificación irregular e empraza a España a adoptar as medidas pertinentes a fin de acatar o Dictame no prazo de dous meses. Cabe apuntar que a devandita denuncia foi rexeitada pola Fiscalía de Medio Ambiente como non constitutiva de delito naquel momento.