Cartaz-eucaliptos-

Eucaliptos en Galicia

No Día da Terra, máis de 60 colectivos piden o freo á eucaliptización de Galicia

Os colectivos que integran Cousa de Raíces organizan en Santiago de Compostela unha protesta contra a expansión do eucalipto

21-04-2017

Con motivo do Día da Terra, os colectivos e persoas que conforman o movemento “Cousa de Raíces”, e a Asemblea  contra a eucaliptización de Compostela, convocan unha concentración contra a eucaliptización de Galicia. Así, a marcha terá lugar mañá, sábado 22 de abril, ás 12 horas na Praza de Obradoiro, de Compostela.

Nesta concentración realizarase unha performance que consistirá na simulación da plantación con eucaliptos da principal praza compostelá. Deste xeito, esta plantación simbólica da Praza do Obradoiro tentará promover a reflexión sobre o desleixo que os nosos montes e agras están a sufrir. Sen protección algunha fronte ás plantacións masivas de eucaliptos, moitas delas ilegais, sen que a Administración faga nada por frealas.

As últimas actuacións da Xunta de Galicia neste ámbito non parecen ser a medida máis eficaz para buscar un equilibrio no medio natural galego. Así, foron tildadas de insuficientes por parte dos colectivos ecoloxistas e rexeitadas tamén por distintas plataformas que aínda defenden o cultivo do eucalipto.

Neste acto tamén se denunciará a destrución do patrimonio natural e cultural. Situación que está a provocar o monocultivo forestal desta especie invasora no noso territorio.

Achégate ao Obradoiro o vindeiro sábado e trae a túa pola de eucalipto!

Máis información en  Cousa de Raíces