Entrega-ILP-2

Entregan no Parlamento máis de 40.000 sinaturas coa ILP en defensa do bosque autóctono

Máis de 40.000 sinaturas contra a eucaliptización dos montes galegos 

É unha das iniciativas lexislativas populares de caracter ambiental máis apoiadas na historia da autonomía galega

22-06-2018

Representantes da Comisión Promotora da ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais, na que se agrupan máis de 60 colectivos da rede “Cousa de Raíces” en defensa do bosque galego, entregaron esta mañá as 42.328 sinaturas acadadas en apoio da iniciativa.

Trátase dunha das ILPs ambientalistas máis apoiadas na historia da autonomía galega, superando en sinaturas recollidas á ILP en defensa dos ríos (aprobada en 2006) e a máis recente a favor da reciclaxe (rexeitada en 2013). É tamén a terceira ILP forestal en menos de 30 anos, feito que unido ao extraordinario apoio cidadán acadado pola presente proposta, dá conta da preocupación e o compromiso que a defensa dos nosos bosques desperta na sociedade galega.

Para o grupo ecoloxista Adega, un dos seus impulsores, a ILP dos bosques, sexa ou non aprobada, “xa acadou un dos seus obxectivos: implicar a milleiros de persoas por todo o país e a centos de colectivos e entidades de diversas sensibilidades (social, ecoloxista, sindical, cultural, produtiva, política) en defensa dos nosos bosques”. As mensaxes e os obxectivos desta Proposición de Lei, que foi presentada hai 6 meses, divulgáronse en ducias de actos públicos por todo o país.

Rachouse coa “omertá” do eucalipto no rural

Para o grupo ecoloxista, a iniciativa conseguiu xerar un debate que ata o de agora semellaba tabú, sobre todo en ámbitos rurais: o monocultivo do eucalipto como problema de país, e “rachar coa “omertà” de anos imposta por ENCE e os seus valedores políticos”. A ILP logrou espertar a reflexión e o debate sobre a expansión descontrolada do eucalipto en eidos como algúns concellos, entidades produtivas, de investigación, etc. nos que semellaba estar sacralizado. Conseguiu remexer conciencias de aquí e de acolá, chegando a situar a problemática forestal galega nas axendas políticas locais, do estado e da UE. De paso, obrigou tamén á Xunta a mirar de fronte cara a unha problemática ambiental, social, cultural, e mesmo económica, que até o de agora facía que non vía: de súpeto, o goberno de Núñez Feijoo lembrou que había unha lei de montes e unha lei galega de prevención de incendios que tiña que cumprir e facer cumprir.

Coas máximas de defender o bosque galego, frear a expansión do eucalipto, favorecer un monte diverso e multifuncional e loitar contra os incendios forestais, esta ILP chega ao Parlamento para reclamar ao Partido Popular e ás forzas da oposición que devolvan a dignidade ao rural, e procuren un futuro sustentábel para os montes e os bosques de Galiza. Agardemos que por terceira vez, non lle volvan a dar as costas.