enerxías renovables

Enerxías Renovables

O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas para proxectos de enerxías renovables

A convocatoria inclúe proxectos de particulares e de implantación de sistemas de xestión e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria, servizos e agrícola primario

30-01-2018

O Diario Oficial de Galicia hoxe publica as bases reguladoras e a convocatoria anticipada de subvencións para proxectos de enerxías renovables, para o ano 2018, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Así como as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de enerxías renovables destinadas a particulares. A resolución tamén inclúe as subvencións para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética para as empresas dos sectores industria, servizos e agrícola primario.

O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)  establece este sistema de subvencións, co obxectivo de fomentar a utilización de fontes de enerxía renovables. Máis concretamente, pretende fomentar a utilización da biomasa forestal con fins enerxéticos, o que implica toda unha serie de vantaxes tanto sociais coma ambientais, económicas e enerxéticas. Non se debe esquecer que a biomasa é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece, dentro do campo enerxético, a redución de emisións de CO2, o autoabastecemento e a seguridade da subministración a prezos competitivos. Por criterios similares é necesario fomentar tecnoloxías como a solar térmica, a xeotérmica e a aerotermia.

Trátase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia encadradas no obxectivo temático 4 –favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores–, na prioridade de investimento 1 –fomento da produción e distribución da enerxía derivada de fontes renovables–, e no obxectivo específico 2 –aumentar a participación e distribución das enerxías renovables para usos térmicos, en particular a biomasa, biogás e biocombustibles para o transporte–, en consonancia co Plan de enerxías renovables 2011-2020, referido a medidas de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento da biomasa térmica. O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa Galicia 2014-2020, Feder nun 80 %, e computarase como cofinanciamento nacional ou investimento privado elixible dos beneficiarios.

Podes consultar as convocatorias de axudas na nosa sección EcoAxudas.

Consulta a convocatoria xeral, para particulares ou para empresas.