lastra

Enciña da Lastra

Enciña da Lastra, o bosque mediterráneo de Galicia

Este espazo natural galego, declarado Parque Natural o 4 de abril do ano 2002, está situado no noreste da provincia de Ourense, na comarca de Valdeorras, lindando ca do Bierzo, xa na provincia de León. A Serra de Enciña da Lastra pertence ó concello ourensán de Rubiá e atópase preto das localidades de O Barco de Valdeorras (Ourense) e de Ponferrada (León). Conta ademais con outras figuras de protección como as de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, Zona de Especial Protección para as Aves e foi Zona proposta como Lugar de Importancia Comunitaria.

O parque natural da Serra de Enciña da Lastra é a mellor representación de vexetación mediterránea de Galicia, con diversas asociación naturais ou seminaturais entre as que destacan bosques mediterráneos calcícolas, espiñeirais, salgueirais, tomiñeiras, vexetación de paredóns calcarios ou diversos tipos de pasteiros. A súa riqueza florística é inmensa e moitos dos exemplares que existen nesta serra son raros ou están ameazados en Galicia. Dentro das especies arbóreas cabe destacar os bosques de aciñeiras (que dan nome ó parque), soutos de castiñeiros, sobreiras ou amendoeiras, así como matogueiras mediterráneas que contan con peculiaridades como a presenza de campos de tomiñares silvestres, xarais ou as máis de 25 especies de orquídeas existentes no parque.

 

Enciña da Lastra acolle a máis grande representación de aves nidificantes de toda Galicia, como a aguia real, o bufo real ou o falcón peregrín, convertíndose nun verdadeiro refuxio ornitolóxico. A fauna de invertebrados conta con varias especies de interese, como o ameazado cangrexo de río autóctono, cuxa presenza en Galicia está reducida a moi poucos puntos das provincias de Lugo e Ourense, ou a vacaloura. En canto á fauna fluvial, aquí pódense observar varias especies de peixes autóctonos, algunhas delas ameazadas en España, como a anguía, o cacho, a boga ou o espiñoso, que habitan nas augas do Sil. A lista de mamíferos é das máis completas de Galicia, podendo chegarse a atopar ata 50 especies diferentes. O gato bravo, a lontra, o armiño, o teixón ou o tourón son algún dos máis frecuentes. Máis difíciles de atopar son outro tipo de animais como o lobo ou o oso pardo, que volveu a visitar estas terras en varias ocasións durante os últimos anos despois de que se extinguise no século pasado. O corzo ou o xabarín son algún dos herbívoros con maior representación na zona.

 

Ver: os observatorios de fauna e o centro de visitantes, situado en Biobra, son unha das mellores opcións para coñecer de primeira man toda a información necesaria para desfrutar deste espectacular Parque Natural galego. As diferentes rutas de sendeirismo que discorren por Enciña da Lastra permítennos admirar de cerca toda a súa beleza. Por exemplo, a ruta entre Vilardesilva e Covas, que discorre pola marxe dereita do Sil descubríndonos o canón fluvial con incribles gargantas que encoran as augas e serven de lugar de caza ás aves rapaces. Os Penedos de Oulego, onde se agochan verdadeiros paraísos naturais e paisaxísticos, ou as numerosas covas (aquí coñecidas co nome de “palas”) distribuidas por todo este espazo natural, algunhas delas de máis de medio quilómetro de lonxitude, son unha oportunidade única para os amantes da espeleoloxía.

 

Chegar: a estrada N-120 (Ponferrada-Ourense) atravesa este espazo natural. A estrada comarcal OU-622 conduce á zona de Oulego, a parte norte da área. Ademais, a N-536, entre as localidades leonesas de Carucedo e Puente de Domingo Flórez, bordea o límite oriental do Parque Natural, que se pode percorrer dende as localidades de Pardollán e Vilardesilva.

 

Comer: a carne de porco é a protagonista da gastronomía de Valdeorras, con produtos como o botelo ou a androia e pratos típicos, durante os meses de inverno, como o cocido. Outro dos manxares característicos da zona son as castañas, que nos meses de outono se convirten en protagonistas absolutas. Ademais, na zona destacan os seus afamados viños, o complemento perfecto para saborear os exquisitos manxares da cociña valdeorresa.

 

Aloxamento: na comarca de Valdeorras existen varios hoteis e casas de turismo rural, nos concellos de O Barco de Valdeorras e A Veiga, que son unha boa opción para facer noite na zona.

 

Créditos:
Texto: Redacción Fotografía Cabeceira: Fuente: Turismo de Galicia. Xunta de Galicia.