Educación Ambiental

Educación Ambiental

Arrancan no CEIDA as II Xornadas Internacionais de Educación Ambiental que reúne cos principais referentes de distintos países

As xornadas, que teñen lugar esta semana, pretenden crear un marco de reflexión sobre a historia e desafíos da Educación Ambiental, ademais de compartir experiencias e boas prácticas dos diferentes países

23-04-2018

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) acolle dende hoxe e ata o venres as II Xornadas Internacionais de Educación Ambiental, un espazo de reflexión e debate no que participarán algunhas das personalidades máis sobresaíntes da Educación Ambiental en España e de países culturalmente próximos a Galicia como son Portugal, Brasil, Cabo Verde, Angola, Guinea Bissau e San Tomé e Príncipe.

O evento, organizado en colaboración do Organismo Autónomo Parques Nacionales do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, o Comité Español da UICN, o Concello da Cultura Galega, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, a Associação Portuguesa de Educação Ambiental (ASPEA), Gadis e Hijos de Rivera, pretende reflexionar sobre o estado e os problemas da Educación Ambiental como ferramenta para contribuir á sostibilidade e mellora da problemática ambiental, formar aos educadores e educadoras ambientais para aumentar a eficacia do uso da disciplina, e robustecer as relacións de cooperación internacional co intercambio de experiencias e boas prácticas ambientais.

Entre as personalidades internacionais que participarán no programa cabe destacar a intervención de D. Luis Moita, catedrático de Teorías das Relacións Internacionais e membro do Consello Científico da Universidade Autónoma de Lisboa, que abrirá as xornadas cunha conferencia maxistral; ou a conferencia sobre a Educación Ambiental nas Reservas da Biosfera, de D. Sergio Guevara, coordinador da Cátedra UNESCO-UNITWIN e presidente da Red UNESCO IberoMab. Entre os referentes españois mencionar a participación de D. Javier Benayas del Álamo, profesor de Ecoloxía da Universidad Autónoma de Madrid, que repasará a situación da Educación para a sostibilidade en España; ou Dna. Susana Calvo, Xefa de Servizo de Formación do Organismo Autónomo Parques Nacionales e Presidenta da Comisión de Educación e Comunicación da UICN.

A presenza galega nas II Xornadas Internacionais é tamén salientable, coa presentación dos programas educativos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, ou o proxecto de ‘Meteoescolas’ da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que desenvolve Meteogalicia; o programa de Educación Ambiental sobre Compostaxe ‘Revitaliza’ da Deputación de Pontevedra; ou o proxecto Voz Natura, da Fundación Santiago Rey Fernández Latorre. Entre os colectivos e asociacións naturalistas que participarán no programa, cabe destacar a presenza da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Mar de Fábula ou Galicia Ambiental, que abordará a importancia de divulgar contidos medioambientais.

A asistencia é gratuita, pero é preciso inscrición a través da páxina web da institución.
Consulta o programa completo.