A Coruña
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, manterá unha reunión co presidente da Asociación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla Ramil, para abordar posibles colaboracións en materia de residuos.
27/02/2017
Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

Economía Circular e fondos europeos ambientais

A Xunta coordinará o grupo de traballo de Economía Circular e fondos europeos da Rede de Autoridades Ambientais

O obxectivo é impulsar os residuos como materias primas secundarias, e reducir así o uso intensivo dos recursos naturais e evitar o seu depósito en vertedoiro; ao tempo que se proporcionan oportunidades de negocio

03-03-2017

A Xunta de Galicia coordinará, xunto a Cataluña e Valencia, un grupo de traballo de Economía Circular e fondos europeos, creado no marco da Rede de Autoridades Ambientais do Ministerio de Agricultura, Produción Agraria e Medio Ambiente. Este grupo de traballo acordará as posibles vías de financiamento de proxectos ou a instrumentación da economía circular con fondos da Unión Europea e tamén revisará as propostas lexislativas sobre residuos, aumento da reciclaxe e redución de verteduras e mellora da xestión dos residuos.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, fixo este anuncio na reunión co presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, para abordar posibles colaboracións en materia de residuos.

Recordou que a Comisión Europea colocou a economía circular na axenda ambiental e económica, a través do Plan de acción da Unión Europea para a Economía Circular. En España, a Rede de Autoridades Ambientais é o foro de cooperación e coordinación entre as autoridades responsables en medio ambiente e as responsables de programación e de xestión dos fondos comunitarios, nos diferentes niveis administrativos.

Fronte ao modelo lineal de recoller, fabricar e tirar, a Xunta quere impulsar a economía circular; unha alternativa na que o valor dos produtos e materiais mantense durante o maior tempo posible; os residuos e o uso dos recursos redúcese ao mínimo. Ao mesmo tempo, potenciase que os recursos se conserven dentro da economía e cando o produto chega ao final da súa vida útil, co fin de volvelos a utilizar repetidamente e seguir creando valor.

Así, os produtos alongan a súa vida útil no mercado, mediante o ecodeseño, a reparación, reutilización e finalmente a correcta xestión como un subproduto útil. O uso dos residuos como materias primas secundarias permite un uso menos intensivo dos recursos naturais e evita o seu depósito en vertedoiro.

Tal e como indicou a conselleira, a economía circular ten dúas grandes vantaxes: é unha ferramenta con potencial para resolver os retos ambientais e proporciona oportunidade de negocio e crecemento económico, pois ábrense posibilidades para os empresarios.

Esta liña de actuación é acorde co paquete de medidas adoptadas pola Comisión Europea sobre a Economia Circular, que inclúe un plan de acción para abordar as distintas fases do ciclo de vida dun produto, establecendo medidas para pechar o círculo.

Adiantou que no eido da xestión de residuos xa se pode colaborar en medidas como a implantación de mellores técnicas en xestión de residuos ou a redución de bolsas dun só uso, con campañas de sensibilización e información.