infraestrutura verde

Consulta para contribuir á estratexia de infraestrutura verde de Galicia

A Xunta mantén ata o 30 deste mes aberta a consulta pública dixital para participar na estratexia de infraestrutura verde de Galicia

Este procedemento permite xeolocalizar os lugares que proporcionan servizos ambientais e aqueles a ter en conta polo seu impacto medioambiental negativo

12-06-2018

O Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña está a elaborar a Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia (EIVG). Unha proposta de ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental que inclúe un proceso de participación pública no que colaborar na elaboración desta iniciativa.

A través da Consulta Pública Dixital poderán xeolocalizarse nun mapa todos aqueles lugares que proporcionan servizos ambientais e que, desde o seu coñecemento e criterio, deberían ser tidos en conta na EIVG. Ademais, as persoas que colaboren nesta consulta pública tamén poderán sinalar todos aqueles lugares que consideren que teñen un impacto medioambiental negativo e que, polo tanto, deberían ser atendidos na EIVG. “Todas as achegas que se realicen resultarán imprescindibles para a axeitada definición desta estratexia a desenvolver nos próximos anos en Galicia”, explican dende o Instituto de Estudos do Territorio.

Este cuestionario está aberto á participación de calquera asociación, empresa, persoa a título particular, etc., que teñan interese en ser parte da elaboración da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia. As persoas interesadas poderán acceder á Consulta Pública Dixital e colaborar así coas súas aportacións. Dende o Instituto De Estudos recomendan acceder a este cuestionario a través dun ordenador. Asimesmo tamén se ofrecen a responder calquera dúbida ou dificultade en relación con este cuestionario ou sobre o propio Proceso de Participación Pública a través do enderezo electrónico (infraestructuraverde.iet@xunta.gal), ou no teléfono 608.201.251. A consulta estará dispoñible ata o día 30 deste mes de xuño.

Ademais, toda a información relativa a este proceso está dispoñible na súa páxina web  ademais tamén dispoñen dun espazo en Facebook no cal dan conta das novidades deste proceso.

A Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia

A infraestrutura verde é un concepto que integra a conectividade dos ecosistemas, a protección e provisión de servizos ecosistémicos e a mitigación e adaptación ao cambio climático, asegurando a provisión sostible destes servizos e incrementando a resiliencia dos ecosistemas.

A finalidade da estratexia é a creación dunha rede de espazos naturais e seminaturais planificados estratexicamente para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos. Trátase en definitiva de levar a cabo unha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental para asegurar a provisión de servizos de regulación (biodiversidade, adaptación e mitigación do cambio climático, fertilidade do solo, regulación hídrica, calidade do aire, control de inundacións e erosión, etc.), servizos de abastecemento (produción e seguridade alimentaria, abastecemento de auga e enerxía, etc.) e servizos culturais (ocio, benestar, saúde, paisaxe, etc.).

Estas redes estratexicamente planificadas de espazos verdes poden proporcionar múltiples beneficios a través do soporte dunha economía verde, a mellora da calidade de vida, a protección da biodiversidade e o incremento da capacidade dos ecosistemas para proporcionar servizos como a redución do risco de desastres naturais, a purificación da auga, a calidade do aire, os espazos de ocio e a adaptación e mitigación do cambio climático.

Galicia adiántase a un futuro requirimento tanto de Europa como de España para promover estes instrumentos de planificación de zonas naturais e doutros elementos co fin de garantir a provisión de todo tipo de servizos ambientais e a protección da biodiversidade das áreas urbanas e tamén rurais.

Infraestrutura Verde da Área da Coruña
Este proxecto que abrangue toda Galicia está a levarse a cabo, de xeito pioneiro na Área da Coruña, a primeira zona elixida para ser obxecto dunha ordenación integral do territorio desde un punto de vista ambiental, e en cuxo deseño están traballando desde finais do ano pasado o Instituto de Estudos do Territorio (IET), a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Fundación Juana de Vega, a Asociación de Desenvolvemento Rural ‘Mariñas Betanzos’ e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia. Ademais, xa no mes de xaneiro abriuse o proxecto á participación dos 30 concellos que integran a área da Coruña co fin de articular un espazo de colaboración intermunicipal para a xestión da iniciativa.

O desenvolvemento da Infraestrutura Verde da Área da Coruña articularase en catro fases. A primeira delas incluirá unha serie de enquisas aos alcaldes co fin de recadar datos sobre os principais proxectos de cada municipio en materia ambiental e para a protección dos seus ecosistemas, que se utilizarán despois na elaboración do proxecto; e a seguinte centrarase na análise dos resultados das entrevistas e tamén dos estudos realizados por todas as entidades implicadas no deseño do proxecto.

A partir da documentación aportada polo equipo técnico, traballarase na definición dos obxectivos e proxectos concretos da Infraestrutura Verde da Área da Coruña e no seu plan de acción. E a cuarta e última etapa, servirá para impulsar e facer un seguimento da estratexia.