eucaliptos

Eucaliptos no Catálogo Estatal de Especies Exóticas e Invasoras

O Comité Científico do Ministerio califica os eucaliptos como especies exóticas e invasoras en Galicia

Esta resolución chega logo de que o Concello de Teo solitara ó Mapama a inclusión desta no Catálogo Estatal de Especies exóticas e Invasoras

04-04-2018

O Comité Científico do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente califica os eucaliptos como especies exóticas e invasoras. Así o confirma o informe presentado por este órgano no que se recollen evidencias que xustifican esta clasificación.

O concello de Teo, como algúns outros en Galiza, aprobou o pasado ano unha moción a prol da biodiversidade e contra a eucaliptización que incluía unha solicitude ó Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para a inclusión do eucalipto no Catálogo Estatal de Especies Exóticas e Invasoras. A novidade é que o Concello trasladou o acordo ó Ministerio, concretamente ó Departamento Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Dende Madrid retrucaron ó Concello de Teo que probara o carácter invasor do eucalipto, polo que solicitouse un ditame ó Comité Científico Estatal de Flora e Fauna Silvestres.

O devandito Comité Científico resolveu, por unanimidade tanto dos seus integrantes como dos expertos/as consultados/as, que existen abondantes evindencias científicas que certifican o carácter invasor do eucalipto, polo que recomendan a súa inclusión no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras (RD 630/2013).

Características que fan aos eucaliptos nocivos para o medio natural

O seu rápido crecemento e alta adaptabilidade a todo tipo de chans, fan que especies de eucaliptos como o E. globulus, E. nitens, E. camandulensis, E. gomphocephala, E. gunnii e E. sideroxylon, entre outras, sexan para o Comité Científico “nocivas para o medio natural dos lugares onde se cultivan”. Estas son algunhas das razóns que recollen no seu informe:

  • Provocan o empobrecemento das cadeas tróficas, pola dificultade da descomposición das follas, o que inibe a incorporación de materia orgánica ó solo e a mineralizacfión do nitróxeno.
  • Alteran as propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiolóxicas do solo, en maior medida que os lumes en bosques autóctonos de carballos; e diminúen o balance hídrico do chan.
  • Amosan actividade allopática, dificultando a xerminación e o crecemento doutras especies.
  • Provocan perda de biodiversidade tanto vexetal como animal, aumentando o risco de instalación doutras invasoras. Supoñen tamén unha fragmentación dos ecosistemas naturais.
  • Colonizan espazos abertos, desprazando ás colonizadoras autóctonas, sobre todo despois dos lumes, o que fai que actúen como as “malas herbas”.
  • Son difíciles de erradicar, polo que o seu control supón un alto custo para a economía.
  • Teñen un elevado risco de lumes pola acumulación de follas e a presenza de aceites inflamábeis. Por iso as zonas plantadas con eucaliptos poden entrar nun bucle de retroalimentación (o eucalipto favorece o lume e este favorece ó eucalipto sobre outras especies) que resulta difícil de rachar.
  • Favorecen a introdución de especies asociadas, insectos e fungos, que desprazan ás autóctonas.

Xa que logo, o Comité conclúe que “calquera especie ou híbrido de Eucalyptus introducida para a explotación forestal debe considerarse potencialmente perigosa para o medio natural e debe tratarse do mesmo xeito, evitando a súa naturalización e erradicándoa no intre de detectar a súa naturalización”.

Adega reclama actuacións contra os eucaliptos

Logo desta resolución, dende o colectivo ecoloxista Adega, pregúntanse “A que agardan Xunta e Ministerio para incluir o eucalipto no Catálogo de EEI e comezar a erradicalo?”. Para a asociación,  malia os repetidos ditames do Comité Científico de Flora e Fauna Silvestres (o recente CC 30/2017 e o anterior CC 02/2012 sobre o E. nitens), e as cada vez máis numerosas evidencias científicas que amosan o carácter invasor e potencialmente perigoso para o medio natural do eucalipto, tanto o Ministerio como a Xunta seguen a facerlle o xogo á patronal pasteiro-enerxética. Adega incide, ademais, no particular xeito de “amnistiar” a esta especie : “dende que o PP aprobou o R.D. 630/2013 que anulou o Anexo II do R.D. 1628/2011, todas las especies deste Anexo que non foran valoradas para a súa inclusión no Anexo I del R.D. 1628/2011 quedaron fóra do Catálogo de Especies Exóticas Invasoras. Xa que logo, o Eucalyptus camaldulensis, E. globulus e E. nitens non están actualmente incluidas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. Casualidade? Talvez a mesma casualidade que fixo que unha ex-ministra de medio ambiente (Isabel Tocino) e un ex-conselleiro de medio ambiente (Carlos Del Álamo) acabaran no consello de administración e ENCE”, sentencian dende o colectivo.