manzaneda

Cabeza de Manzaneda

Cabeza de Manzaneda, o pico máis branco do Macizo Central ourensán

Este espazo natural galego correspóndese co pico máis alto da Serra de Queixa (1.778 metros de altitude) que, á súa vez, pertence ó Macizo Central Ourensán.

En Cabeza Grande de Manzaneda atópase ademais a única estación de esquí de Galicia, que está aberta todo o ano e que ofrece diversas actividades, non só as relacionadas co deporte branco. As localidades de referencia deste espazo natural da provincia de Ourense son os concellos de Manzaneda, A Pobra de Trives e Chandrexa de Queixa, dende os que se accede tanto á estación de Manzaneda como á propia Serra.

 A Serra do Invernadoiro é o límite sur deste espazo natural, mentres que polo norte delimita coa comarca da Ribeira Sacra. O río Bibei e o Navea son os principais cursos fluviais que percorren estas terras, nas que se poden destacar importantes espazos naturais como o Souto de Rozabales, declarado Monumento Natural, no que se atopa o castiñeiro de maior perímetro de Galicia (13 metros).

Ó contrario do que ocorre coas grandes estacións invernais que existen no norte de España, en Manzaneda a utilización de neve artificial para manter as súas pistas abertas durante o inverno é moi limitada por razóns climatolóxicas. Esta situación favorece que non se produzan impactos ambientais tan graves como noutros casos. A ausencia de maquinaria e de neve artificial evita que as pistas da estación presenten, cando non hai neve, un aspecto case lunar no que apenas hai rastro de biodiversidade, como é o caso das grandes instalacións deste tipo.

Entre a flora dominante nesta área ourensá destacan especies como o acivro, o arando ou o breixo, xunto con árbores como os carballos e os castiñeiros. En canto á fauna, especies como o lobo, o corzo, o xabaril, o cervo, o teixugo, a xineta ou o esquío teñen unha presenza importante na zona.

Ver: os núcleos poboacionais de Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives e Manzaneda, todos eles próximos á estación de esquí de Cabeza Grande de Manzaneda. A Fortaleza Medieval de Manzaneda ou a Torre dos Barcia (as dúas no concello de Manzaneda), xunto co Mosteiro de Sobrado de Trives, fermosa mostra do románico galego, ou os vestixios romanos como os miliarios ou a Vía Nova, que tamén se poden ver na Pobra de Trives, son algunhas das nosas recomendacións á hora de achegarse ata esta comarca ourensá. No capítulo de espazos naturais, ademais da nomeada Serra, paga a pena visitar Montefurado, xa na provincia de Lugo pero só a unha media hora de camiño. Trátase dun túnel furado na propia montaña polos romanos no século II, en tempos do emperador Trajano, para desviar o río Sil e poder extraer o ouro que este arrastraba pola súa conca orixinal. Esta obra de enxeñería romana constitúe na actualidade un dos lugares con máis encanto de Galicia e un dos puntos de visita obrigada para calquera que se achegue ata estas terras.

Chegar: a AP-53, que nos levará ata a cidade de Ourense, é a mellor opción para achegarnos ata este espazo natural. Unha vez na cidade das Burgas, tomaremos a estrada OU-536 ata A Pobra de Trives, dende onde poderemos acceder a Cabeza de Manzaneda.

Comer: as carnes de caza, os derivados do porco e os peixes de río son algúns dos produtos máis representativos da cociña desta comarca do norte de Ourense. Entre as sobremesas, a raíña indiscutible é a bica, a máis coñecida da zona, xunto coas castañas ou o roscón, que completan o catálogo gastronómico das terras de Trives.