Illas Atlánticas

Acceso ás Illas Atlánticas

Entra en vigor o novo sistema de regulamento do acceso ó Parque Nacional de Illas Atlánticas

Os cambios e melloras introducidas pola Xunta para poder visitar as Illas Atlánticas pretenden ofrecer un mellor e maior control na entrada ao parque e polo tanto a súa maior protección

23-03-2018

Esta mañá entrou en vigo o novo sistema que regulará o acceso ó Parque Nacional de Illas Atlánticas co fin de evitar situacións que o poñan en risco como as vividas no verán pasado, cando se incumpliu o límite de visitantes de xeito notable.

O modelo de acceso ó Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia é moi similar ó deseñado pola Administración galega e implantado dende o ano 2015 na Praia das Catedrais (Lugo).

A principal novidade dos cambios propostos pola Consellería consisten na obriga por parte dos viaxeiros de obter unha autorización previa de acceso, de carácter persoal, intransferible e gratuíta, a través da páxina web autorizacionillasatlanticas.xunta.gal, habilitada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Con este cambio de sistema, os visitantes deberán obter primeiro un permiso administrativo para visitar a illa e posteriormente comprar o seu billete a unha das tres empresas de transporte marítimo autorizadas para realizar este servizo durante o período de Semana Santa (Mar de Ons, Nabia e Rías Gallegas). Unha vez obtida a autorización preceptiva, o visitante poderá descargala no seu dispositivo móbil -ou ben imprimila- para a súa posterior comprobación en porto por parte do persoal do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.

Para evitar situacións como as detectadas en agosto de 2017, tamén se establece un mecanismo de lectura e control dos códigos QR que levan inseridos todas as autorizacións e que estará enlazado coa web en tempo real. Isto permitirá ao persoal do parque despregado tanto nos portos de Vigo, Baiona e Cangas como no de Rodas, en Cíes, comprobar a validez das autorizacións dos pasaxeiros.

Para reducir ou evitar calquera incidente ou confusión, a Xunta está a realizar un esforzo difusión do actual sistema, polo que se instalaron no porto de Vigo, Baiona e Cangas varios expositores con folletos informativos atendidos por persoal do Parque Nacional, que lles explicarán aos usuarios interesados en visitar Cíes as novidades no sistema de acceso.

Plan Reitor do Parque Nacional Marítimo Terrestre
Por outra parte, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se inicia o proceso de información pública do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. “Un documento que será a folla de ruta, cunha vixencia de dez anos, na que se detallarán os obxectivos e os criterios de xestión do parque nacional, establecendo a normativa de protección e a regulación de aproveitamentos, entre outras cuestións”, aclarou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz.

Díaz tamén lembrou que- tal e como se establecía no documento de inicio- unha das principais novidades do futuro PRUX é que se establecen cotas máximas de visitante por día, tanto para a tempada alta como para a baixa. Hai que lembrar que estes cupos existían xa excepto en Ons que non tiña cupo e que agora si se establece en 1.800 persoas.

A finalidade é compatibilizar o uso público e as actividades recreativas e deportivas cos obxectivos de conservación do Parque Nacional, ordenar e facilitar o gozo do visitante baseado nos valores do Parque, de modo que se compatibilice coa súa conservación. Na tempada alta por día no arquipélago do Parque Nacional de Cíes, só poderán acceder 2.800 persoas, no de Ons poderán facelo 1.800 persoas e en Sálvora e Corteda serán 250 respectivamente.

En tempada baixa, tanto en Cíes como en Ons, haberá un cupo de 450 persoas para cada arquipélago que accedan en grupos organizados; mentres que en Sálvora e Cortegada dito cupo se fixa en 250 persoas, para cada illa.

A directora xeral mostrouse convencida de que este tipo de ferramentas de conservación axudan a promover a difusión dos valores do patrimonio natural e cultural, regulando de forma compatible coa súa conservación tanto a actividade investigadora e educativa como o acceso dos visitantes; ao tempo que fomentan o desenvolvemento de actividades compatibles coa conservación da biodiversidade.

Recordou que o trámite de información pública prolongarase por un período de dous meses, nos que se poderán presentar alegacións ao documento. A previsión do Goberno galego é levalo ao Consello da Xunta para a súa aprobación como Decreto no último trimestre do ano.